Tomaron parte no acto representantes políticos/as e técnicos/as de cada concello así como das asociacións de mulleres, de hostalería e turismo, do empresariado, das culturais, xuvenís, deportivas, veciñais e comunidades de montes da comarca, ademais dun representante da ADR.
No acto procedeuse á aprobación dos estatutos polos que se rexerá este órgano e á elección dos e das representantes do Consello, recaendo o cargo de Presidenta en Dona Begoña Castro Martínez (Concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Asociacionismo de Caldas de Reis); a Vicepresidencia en Don Manuel Carbia Magariños (Presidente da Asociación Cultural de Cordeiro) e a Secretaría en Dona Consuelo Rivadulla Rodríguez (educadora familiar e axente de igualdade de oportunidades de Cuntis). Por outra banda, a coordinación e asistencia técnica do Consello Comarcal de Igualdade será levada a cabo pola Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (APAIOGA).
O Consello Comarcal de Igualdade encargarase do seguimento e avaliación do Programa Operativo de Igualdade de Oportunidades 2006-2008 que se está a implantar no Territorio e no cal está recollido o funcionamento do propio Consello. Lembremos que á súa vez o POIO 2006-2008 se inscribe no marco dun programa europeo Leader+.